O proxecto abeancos.gal é un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais presentes na área da Comarca Terra de Melide. Todos eles, documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres.
Este proxecto xorde da relación entre o Museo da Terra de Melide e a Asociación de Usuarios de Software Libre da comarca (Melisa).
A web cobre un oco que nunca existiu nin sequera en formato físico; unha clasificación ordenada e detallada da vasta riqueza patrimonial do que foi a antiga xurisdición de Abeancos. E faino empregando tecnoloxía e contidos con licenza libre, apostando por divulgar e compartir coñecementos sen as tradicionais limitacións de uso e copia.
Ao tratarse dun catálogo dixital aberto, o acceso aos datos non está restrinxido unicamente á súa visualización neste sitio web. O acceso aos datos en distintos formatos é libre, e gratuíto.
O catálogo categoriza os seguintes elementos: arquitectura civil, arquitectura relixiosa, arquitectura industrial, arquitectura popular, cruceiros, elementos arqueolóxicos, pontes e paisaxes míticas.
Cada un dos contidos está catalogado, descrito e inclúe unha galería de imaxes para a súa consulta. Ademais, tamén se poden obter as coordenadas xeográficas para poder visitar os elementos, e mesmo obter contidos enriquecidos noutros formatos como arquivos sonoros.
Por outro lado, a web conta cun mapa para poder localizar os elementos que se describen no catálogo.
The post A web do mes | Abeancos.gal, catálogo dixital do patrimonio da Terra de Melide appeared first on Xente Dixital.