Como cada mes, achegámonos a unha das aulas CeMIT que a AMTEGA ten espalladas por toda Galicia. Desta vez toca achegarse á costa e coñecer a Samuel Rodríguez Lado, o responsable da aula CeMIT de Boiro.
Samuel é o responsable da aula e, ademais, impulsor dunha novidosa plataforma de comunicación e intercambio lingüístico e cultural dirixido a emigrantes. Coñezamos con máis detalle a súa experiencia
Como é a experiencia dunha Aula CeMIT nunha zona como a túa, Samuel?
A Aula CeMIT de Boiro está no centro do núcleo urbano principal con máis de 9.500 habitantes. Unha boa ubicación pola súa comodidade para acudir a ela dos usuarios/as que nos visitan. Por outra parte algunhas veces saímos con unha aula itinerante que consta de 7 ordenadores portátiles e con eses equipos si que nos desprazamos as parroquias do rural que pertencen ao concello. Acudimos aos locais socias das parroquias con actividades puntuais; aínda que xa fai algún tempo que non se realizan, tiveron moi boa acollida por parte dos veciños e veciñas.
A fenda dixital… existe cos emigrantes que veñen a Galicia?
No caso de Boiro si que se nota un pouco a fenda dixital emigrantes que acoden a Aula CeMIT; nos primeiros pasos hai que axudalos/as moito e incluso nalgúns casos facemos cursos específicos para inmigrantes en colaboración coa Cruz Vermella.
En que medida a aula CeMIT de Boiro contribúe á integración dos emigrantes na túa terra?
No noso caso é un dos principais lugares nos que se reúnen, porque teñen acceso gratuíto á rede e por falta de medios nas súas casas non contan con conexión, nin con ordenadores. Aquí teñen todo o que precisan para aproveitar as novas tecnoloxías.
Seguro que tanta diversidade cultural dá para algunha anécdota interesante, cóntanos algunha!
A verdade e que si, anécdotas hai moitas pero non so cos inmigrantes senón con todo tipo de usuarios que se achegan a Aula. As persoas maiores pensan que as pantallas xa son táctiles, e co tema dos móbiles e as tablets despístanse un pouco.
Recordo tamén os problemas duns mozos de orixe senegalés que non entendían nada o castelán e querían crear contas de correo e mais de facebook… foi toda unha odisea entendernos e máis levar a cabo un cometido tan sinxelo como o de dar de alta dúas contas tan frecuentes!
Sen embargo, tratas a emigración de xeito bidireccional, e tamén andas a artellar un proxecto para axudar aos galegos que marchan fóra. Fálanos máis deste proxecto!
O Proxecto “Preto da Xente”, ten varias liñas de actuación.
Por unha banda estamos a realizar uns faladoiros TiC para facilitar a comunicación dos familiares que quedan aquí coas persoas que marchan para fóra. A realidade indica que non só marchan mozos, senón que tamén o fan persoas de mediana idade.
En moitos casos, as súas familias descoñecen os medios que hai dispoñibles para facer unha videoconferencia, e dende a aula creámoslle a conta para poder facer videochamadas e ensinámoslle a conectarse ata que o poden facer por elas mesmas.
Por outra banda estamos traballando nunha plataforma web de intercambio de coñecementos e testemuños reais de persoas que están vivindo fóra. Estas persoas relatan a realidade que viven no pais ou na cidade na que residen na actualidade e explican o que se necesita para traballar alí, como conseguir unha vivenda, etc. Tamén temos unha sección de consellos e outra de contacto para que persoas que están pensando en viaxar ou emigrar poidan preguntar dúbidas ou incluso conseguir axuda co idioma.
Como é a acollida das actividades que realizades na aula?
Pois as actividades da Aula CeMIT teñen moi boa acollida realizamos unha media de 8 ou 9 cursos ao mes e case sempre se cobren as prazas en poucos días; normalmente a xente ten moi boa resposta á formación.
A pesar de que facemos cursos de nivel un pouco técnico como Deseño Gráfico, Edición e Montaxe de vídeo, uns dos que teñen máis demanda son os de Inicio á Informática e Internet onde queda claro que aínda existe a fenda dixital. No entanto, no último ano xa o notamos en menor medida e as/os usuarios comezan a demandar máis curso de nivel medio.
Tamén teñen moita demanda ultimamente os cursos de ofimática (Writer, Calc, Base, Impress), eu creo que é pola repercusión do CoDIX.
Grosso modo, cantos usuarios ten a Aula Cemit de Boiro?
Na aula pasamos dos 1350 usuarios rexistrados con un gran índice de visitas diarias porque temos dúas aulas, unha de formación e outra de uso libre. Na aula de formación poden pasar unhas 36 persoas diarias e na de uso libre preto das 40 visitas.
Dende Xente Dixital seguiremos os proxectos da Aula CeMIT de Boiro, “Preto da Xente” dará que falar nos vindeiros meses.
The post De viaxe á aula cemit… de Boiro! appeared first on Xente Dixital.