A II edición de Galicia Open Future de Telefónica xa ten gañadores. Tras varios meses de aceleración no centro de emprendemento galego impulsado por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia, as iniciativas Autofarm, MD.USE Innovative e SetPay foron elixidos como os tres proxectos gañadores desta segunda edición.
O premio
Como premio, os tres gañadores recibirán unha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, coa cal poderán continuar o desenvolvemento do seu proxecto. Ademais, estas tres startups poderán acceder a un préstamo reembolsable de XesGalicia –Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco- doutros 25.000 euros
Os gañadores
AUTOFARM (Ourense)
Autofarm, formado por Jorge D. Cobas, Ignacio Boubeta, e Daniel Reboredo, nace co obxectivo de simplificar a monitoraxe e xestión de explotacións gandeiras, axuntando un sistema de fácil manexo e comprensión coa posibilidade de obter a tempo real grandes cantidades de datos desde calquera punto que se desexe monitorar. Isto facilita a toma de decisións para obter resultados óptimos de produción e coñecer ao instante calquera anomalía que se poida producir mediante un sistema de alarmas completamente configurable.
Nos vindeiros días entrevistarémolos para Xente Dixital.
MD.USE Innovative Solutions (Santiago de Compostela)
Rebeca García, Anxo Piñeiro, Tomás da Calzada, Roberto Rosende, Carlos Piñeiro, Edgar Mixcoha forman MD.USE, unha spin-off que desenvolve software científico de modelado molecular para simular e predicir resultados de experimentos en laboratorios, aforrando tempo e diñeiro a investigadores de múltiples sectores. Incorporando tecnoloxías de última xeración aos seus produtos, como a Realidade Virtual, na actualidade, conta cunha nova liña de negocio complementaria e enfocada ao desenvolvemento de apps educativas para química. MD.Use está formada por investigadores en simulación computacional, programadores, desarrolladores de aplicacións en Realidade Virtual e expertos en xestión empresarial.
SETPAY (Santiago de Compostela)
O obxectivo de SetPay, como proxecto dirixido ao desenvolvemento de medios de pago, é ofrecer un TPV móbil, é dicir, que permita aceptar pagos con cartón en calquera momento e lugar. Recentemente, e tras estes meses de aceleración, David Pombar, Xoan Gonzalez, e Xavier Martinez –os creadores e responsables deste proxecto- deseñaron e lanzaron o seu segundo produto, unha pasarela de pagos online que mantén a mesma filosofía.
Este proxecto xa o puidemos coñecer en Xente Dixital, hai uns meses.
O prazo para presentar proxectos á III edición de Galicia Open Future xa está en marcha!
The post Velaquí os proxectos gañadores da II edición de Galicia Open Future appeared first on Xente Dixital.