Hoxe achegámonos a Galicia Open Future para descubrir o trebello que nos permite saber onde está a nosa equipaxe cando viaxamos. Alí nos espera Santiago Álvarez, o creador de Wimbag, o trebello que pretende ser a solución aos viaxeiros que facturan a súa equipaxe.
Santiago, podes explicarnos que é WIMBAG?
Pois Wimbag é un pequeno trebello localizador, que o usuario introduce na súa equipaxe xusto antes de pechala, e desta forma pode controlar co seu móbil todo o que sucede: non só a localización en tempo real, senón que tamén se recibirán alertas moi interesantes para o usuario, por exemplo, si a maleta se afasta demasiado do usuario, alertas en caso de apertura non autorizada, ou en caso de que a maleta chegue a un aeroporto de destino incorrecto.
Ademais, isto aplícase a equipaxes correntes e a calquera tipo de material ou valixa que se envíe mediante transporte aéreo.
Coido todos tivemos nalgún momento algún susto coa nosa maleta. Xorde WIMBAG dunha mala experiencia no avión?
Pois, a verdade, nunca perdín a maleta (toco madeira!). Pero si teño viaxado moitísimo, e era o típico problema que vías a todas horas cando chegabas a un aeroporto. Sempre había alguén facendo cola para reclamar a súa equipaxe perdida, e non deixaba de sorprenderme a forma en que se ven xestionando este tema (de forma moi manual, tomando nota dos datos para logo facer as comprobacións pertinentes). Isto, unido a miña experiencia traballando con localizadores de flotas, levoume a pensar que había unha forma mellor de xestionar a equipaxe.
Como funciona o localizador? E dende o móbil, que podo facer?
O localizador emprega tecnoloxía GPRS para a localización e a transmisión de alertas (a versión PRO inclúe GPS, que mellora a precisión da localización en exteriores). Empregamos tecnoloxía Bluetooth 4.0 para detectar si a maleta se afasta demasiado do usuario, e unha serie de sensores de precisión permiten tomar datos da presurización de cabina. Desta forma, aplicando algunhas técnicas de análise numérico, somos capaces de detectar despegues e aterraxes, de forma que podemos desconectar os sistemas de radio durante o voo, para cumprir coa normativa e non interferir cos sistemas do avión.
Recentemente vides de lanzar un crowdfunding para obter financiamento de cara á produción do voso localizador de maletas. Que expectativas tedes neste sentido?
A campaña de crowdfunding lanzouse o 26 de xaneiro na plataforma Kickstarter. O primeiro día arrancou moi ben, pero posteriormente estancouse en pouco máis de 3000€. Segundo as estatísticas para este tipo de campañas non creo que cheguemos ó financiamento esperado, principalmente polas dificultades que estamos atopando para levar tráfico procedente de EEUU (que serían os principais patrocinadores neste tipo de campañas) á páxina do proxecto.
A pesar de todo, grazas á visibilidade que estamos obtendo con esta campaña, están a xurdir oportunidades de comercialización moi interesantes por outras vías, polo que está a resultar unha experiencia moi positiva.
Cales foron os maiores retos aos que vos enfrontastes co voso proxecto?
Un dos principais retos que atopamos é o de dar a coñecer o proxecto, xa que se trata de algo que moita xente non sabe que existe, e polo tanto, non é algo que vaian buscando.
A forma de promocionalo é moi distinta doutos produtos, non serve con facer un anuncio no que poñas unha foto do trebello e pouco máis.
Como está a resultar a experiencia Galicia Open Future? Que vos achegou?
A experiencia en Open Future está a resultar certamente enriquecedora. En cada proxecto temos un mentor asociado que nos axuda a marcar obxectivos, e a medir os fitos conseguidos. Ademais sempre fan todo o posible por poñernos en contacto coa xente axeitada que pode axudarnos a conseguir algo que precisa o proxecto ou solucionar algún problema. Neste sentido teño que dicir que o apoio é máximo para axudar aos proxectos.
Que obxectivos tedes agora mesmo? Como vos vedes dentro dun ano?
Dentro dos obxectivos máis próximos está a asistencia á edición deste ano do Mobile World Congress. Esperamos pechar algún contrato de distribución nos próximos meses e pouco a pouco, ao longo do ano, involucrar a algunha compañía aérea. Isto permitiríanos mellorar o servizo para o usuario, permitindo que en caso de perda de equipaxe, se poida xestionar a recuperación directamente dende o teléfono móbil, sen ter que dirixirse á ventá de reclamacións das compañías aéreas.
Ademais, esperamos poñer a funcionar un proxecto piloto en varios aeroportos no que se poderá alugar o dispositivo para traxectos de ida e volta por un prezo moi competitivo.
Dentro dun ano esperamos estar facendo crecer o proxecto e xestionando a expansión polo territorio Europeo. Queremos converternos no referente Europeo na xestión intelixente de equipaxes.
The post Wimbag, o localizacor de maletas para saber onde están en cada momento appeared first on Xente Dixital.