“Fálame de San Sadurniño”, iniciativa desenvolvida na CeMIT deste concello coruñés, foi elixida entre 12 propostas para representar a España no concurso internacional do proxecto europeo ACTing, que se celebrará en Xenebra (Suíza) os días 23 e 24 de setembro.
A través do blog, da canle de Youtube e das redes sociais dan a coñecer o pasado e o presente do municipio. Trátase dunha iniciativa colaborativa na que participaron unhas 200 persoas. Ao mesmo tempo, é unha ferramenta que favorece o achegamento da cidadanía ás TIC.
O xurado valorou que se trata dun proxecto sinxelo e orixinal construído ao redor de catro eixos centrais: que as fotos falen, que se fusionen pasado e presente, o protagonismo dos usuarios e a mestura de formatos.
Ao evento en Xenebra acudirán o axente social que promoveu a ininciativa e unha persoa maior en representación de todas as que participaron. Alí daranse a coñecer as propostas dos países participantes: Italia, Romanía, Suíza e España. Por outra banda, “Fálame de San Sadurniño” seleccionouse como finalista de “SpeakSpeare!-Falamos con William2”, da Universidade Senior da Coruña.
ACTing, para promover o envecellemento activo
O proxecto ACTing proporciona aos axentes sociais que traballan con persoas maiores coñecementos e unha metodoloxía adaptada para promover o envecellemento activo a través das TIC. Financiado a través do organismo autónomo Programas Educativos da Comisión Europea, está liderado por Fundetec e conta coa participación de entidades de España, Italia, Romanía e Suíza.
A través de ACTing puxéronse en marcha 24 iniciativas de formación dirixidas a este colectivo. En España están a participar nestas iniciativas preto de 450 persoas.
The post Unha iniciativa da CeMIT, elixida para representar a España no concurso do proxecto europeo ACTing appeared first on Xente Dixital.